Ir o contido principal

USCénica 2022. Festival de artes escénicas

'Dirección escénica: ferramentas para a construción dunha estrutura teatral'

Os días 20, 21, 22 e 27 de xuño e 1, 4, 5, 8 e 9 de xullo

Santiago de Compostela
Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño

USCénica 2022, o festival de artes escénicas que impulsa a USC, estenderase do 20 de xuño ao 9 de xullo cun amplo abano de actuacións musicais e teatrais, así como cun diverso programa formativo.

USCénica Formación
USCénica Formación

O programa formativo do USCcénica 2022 inclúe o curso 'Dirección escénica: ferramentas para a construción dunha estrutura teatral', unha proposta dirixida por Roberto Salqueiro que se desenvolverá os días 20, 21, 22 e 27 de xuño e 1, 4, 5, 8 e 9 de xullo na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño, das 16.00 ñas 18.30 horas. 

O curso formula que dirixir unha posta en escena é escribir un discurso teatral mediante unha serie de ferramentas. Coñecer cales son e entender que as historias (discurso teatral) non teñen porque estar sometidas á linealidade nin á referencia empírica do mundo resulta ser o fundamento básico para construír calquera arquitectura. Porque iso é, en definitiva, unha historia: unha estrutura que só debe responder á coherencia interna do seu mundo. A diferenza da literatura dramática, a posta en escena debe estar argumentada no emprego sólido do traballo do actor así como do espazo onde se constrúe esa historia, que vén determinado pola iluminación, os obxectos físicos, o vestiario, o son … Todo o cal debe ser concibido nunha forma que lle dará o valor estético que definirá a creación teatral.

Traballarase na posta en escena do texto de Rodrigo García, Agamenón. Volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo, que se presentará o último día do festival.

Hai oito prazas dispoñibles que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas en participar deben dirixirse ao enderezo electrónico uscenica.cursos [at] usc.gal (uscenica[dot]cursos[at]usc[dot]gal), indicando nome e apelidos, teléfono de contacto e o título do curso. O custo desta proposta formativa é de 40 para a comunidade universitaria e 80 euros para o público xeral.  A matrícula non será efectiva ata o momento do seu pagamento, que deberá realizarse 2 días hábiles antes do inicio do curso. 

Máis información na páxina web do festival USCénica 2022. 

 
Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2022.