Docentes e investigadores presentan este xoves 23, a partir das19.30 horas, no Vello Cárcere, algunhas das liñas e proxectos de I+D que se desenvolven no Campus lugués

O evento de divulgación científica ‘DivúlgaT’ achegará este xoves 23 de novembro, a partir das 19.30 horas, nas dependencias do Vello Cárcere, novos petiscos das liñas e proxectos de investigación que se están a desenvolver no Campus Terra da sede universitaria luguesa. A mocidade investigadora aproveitará estas intervencións para presentar en lingua galega os seus respectivos ámbitos de traballo e proxectos de I+D. A entrada é libre e de balde para todo o público interesado.
A primeira quenda de monólogos científicos do DivúlgaT 2023 achega nove petiscos de investigación sobre temáticas moi dispares. Así, María José Ferreira abrirá as presentación co relatorio ‘Intervención asistida con cans nos hospital de Calde’. A esta primeira exposición seguirán ‘Revelando o invisible’, de Rocío Valín e Maider Fernández; ‘As receitas da fame: o éxito dun proxecto de divulgación científica desde a antropoloxía’, con Elena Freire; ‘A nosa lavadora de ARN’, con Stella Hernández, ou ‘Unha ollada ao futuro dos envases alimentarios’, a cargo de Patricia Cazón.
O menú desta primeira sesión do DivúlgaT 2023, unha iniciativa do Campus de Lugo que conta con apoio económico da Deputación Provincial de Lugo e que chegará ao seu colofón o vindeiro 30 de novembro, inclúe asemade as pílulas científicas É verdade que as vacas contaminan?’, a cargo de Jacobo Álvarez; ‘De Indonesia aos Ancares: Pegadas do ano sen verán nos carballos galegos’, de Ignacio García; ‘Secuetro de proteínas no tratamento do alzhéimer’, con Diego Cora, ou ‘Glico…que?’, a cargo de Nerea Gandoy.