Ir o contido principal

‘DivúlgaT’ achega novos petiscos de divulgación científica do Campus de Lugo

29/11/2022 - 19.30 horas

Casa do Saber

Docentes e investigadores da sede universitaria luguesa presentan este martes 29 de novembro, a través de monólogos, algunhas das liñas e proxectos de I+D nos que traballan nas sesións divulgativas e en galego programadas no marco deste ciclo

Cartaz do ciclo 'DivúlgaT' 2022
Cartaz do ciclo 'DivúlgaT' 2022

O evento de divulgación científica ‘DivúlgaT’ achegará este martes 29 de novembro, a partir das 19.30 horas, na Casa do Saber, novos petiscos das liñas e proxectos de investigación que se están a desenvolver no Campus Terra da sede universitaria luguesa. A mocidade investigadora aproveitará estas intervencións para presentar en lingua galega os seus respectivos ámbitos de traballo e proxectos de I+D. A entrada é libre e de balde para todo o público interesado.

O programa, promovido polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC, en colaboración co Campus Terra, ofrece nesta segunda e última quenda de monólogos científicos de 2022 petiscos da investigación que está a desenvolver Nerea Gandoy Fieiras, quen abrirá o acto co relato ‘Amor a primeira vista!’, ao que seguirá a intervención de Adrián Casanova Chiclana ‘E ti de quen vés sendo?, dille o xenetista á troita’.

Os monólogos ‘Migrantes audiovisuais e redes’, da man de Daniel Manuel Vázquez Vila, e ‘Incendios forestais e herbivorismo pírico’, a cargo de María Rosa Mosquera, darán continuidade a unha sesión na que Gonzalo Pérez de Lis e Ana Paula Losada ofrecerán cadansúa charla baixo os títulos ‘As árbores non poden correr, pero si adiantar a hora’, e ‘Megaestruturas dos organismos vivos: a saúde comeza no intestino’. O monólogo ‘Unha vaca moi intelixente’, a cargo de Uxía Yáñez Ramil, completará o programa de faladoiros desta nova edición do ciclo ‘DivúlgaT’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2022.