Ir o contido principal

Doazón do Fondo de José Fernández Vide á Universidade de Santiago

24.09.2024 | 12.30h

Santiago de Compostela
Paraninfo da Universidade

O compositor pertence á gran xeración Nós da contorna ourensá dos anos 30

José Fernández Vide
José Fernández Vide

O Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, acollerá este martes, 24 de setembro, a presentación do Fondo de José Fernández Vide, doado pola familia do músico ourensán á Universidade de Santiago.

O acto, que se desenvolverá a partir das 12.30 horas, estará presidido polo reitor Antonio López, e nel participarán tamén a directora da Biblioteca da USC, Mª Isabel Casal Reyes; a neta do compositor, Sara Fernández; o catedrático emérito da USC, Carlos Villanueva; e Montserrat Capelán, profesora da USC e coordinadora de Organistrum, o grupo que xunto con Instituto de Humanidades (iHUS) da USC mediou na doazón que xenerosamente realizou a familia.

Fernández Vide
José Fernández Vide (1893-1981) pertence á gran xeración Nós da contorna ourensá dos anos 30. Con formación na capela da catedral como neno de coro, máis tarde incorporouse á vida pública como docente e activista musical, director de coros e prestixioso compositor. En 1924 recibe o encargo do Centro Galego da Habana de ocuparse da docencia do centro musical da institución, unha etapa na que acadou notables éxitos como director de rondalla, compositor e pianista, e na que chegou a ser nomeado director do Conservatorio do Centro Galego.

En 1932 regresa a Ourense, onde ata a súa xubilación será director do Orfeón Unión Ourensana ademais de encargarse da docencia musical da escola de Maxisterio e do Instituto As Lagoas de Ourense.

Recital e exposición
Á presentación do fondo seguiralle un pequeno recital para piano a cargo de Noemí Salomón, que interpretará as pezas A Montañesa, Zaera e o Danzón, da autoría do propio compositor ourensán.

Finalmente, inaugurarase a exposición José Fernández Vide: o trasfegar dun ourensán, comisariada por Teresa Bellido, Aitana Catalá e David de la Torre que poderá visitarse ata o 24 de outubro no primeiro piso da Facultade de Xeografía e Historia. Esta mostra está organizada pola Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade anfitrioa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.09.2024.