A USC súmase á competición de ideas DreamBig para proxectos no eido da mobilidade e da alimentación sustentables

Constrúe un equipo e salva o planeta’. Este é o lema baixo o que se desenvolve a competición de ideas DreamBig que o vindeiro 23 de marzo chegará ao Centro de Estudos Avanzados (CEA) da USC. Esta iniciativa persegue promover proxectos innovadores no eido da mobilidade e da alimentación sustentables. As persoas interesadas en participar poden rexistrase nesta ligazón.
A competición durará tres horas e desenvolverase en equipos de tres persoas. Os e as participantes poden inscribirse de xeito individual, asignándoselle un equipo ao chegar á propia competición; ou formalizar o rexistro cun equipo xa previamente formado.
As mellores ideas seleccionadas polo xurado participarán no imaginPlanet Challenge, un evento que se levará a cabo en Barcelona con dez equipos finalistas que se disputarán unha viaxe a Silicon Valley (California) coa intención de transformar a súa idea en realidade.