Ir o contido principal

Segunda edición do Facom Fest, o festival de cine que exhibe pezas do estudantado galego

27.11.2023-30.11.2023 | 10.00h-23.59h

Álvaro Gago, Sara Faro ou Adrián Canoura están entre as figuras participantes

Facultade de Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite

A segunda edición do festival de cine do estudantado galego, o Facom Fest, desenvolverase entre o 27 e o 30 de novembro con proxeccións nas facultades compostelás de Ciencias da Comunicación e Filosofía, ás que se sumará o concerto de peche, na Sala Moon. As pezas enviadas polo alumnado de centros de toda Galicia á sección competitiva serán valoradas, segundo a categoría, por un xurado formado por unha alumna da facultade e dous profesionais do sector.

O xurado profesional conta na categoría de ficción coa participación do director de ‘Matria’, Álvaro Gago e coa produtora en ‘Sétima’ e xefa de produción en ‘O corno’, Silvia Fuentes. Na de non ficción interveñen a creadora e directora da revista dixital ‘Vinte’ e encargada da promoción de películas como ‘O corno’ ou ‘Matria’, María Yáñez e a autore de Ola ‘Baby (Video-ensaio sobre a miña depresión)’ Antía Carreira. Por último, na de videoclip participan o responsable dos videoclips de Baiuca entre outros, e cineasta con obras como ‘Caerán lóstregos do ceo’, Adrián Canoura e Sara Faro, que xunto a María Soa forma o grupo musical Fillas de Cassandra. En canto ao xurado novo, as alumnas da facultade Aira Portos Rey, Marta García Pedreira, e Ximena Torrón Núñez presentáronse voluntarias para participar na valoración das pezas de ficción, non ficción e videoclip respectivamente.

Ademais de crear un espazo para que as novas xeracións de cineastas amosen as súas creacións, unha das intencións do Facom Fest é poñelas en contacto coa realidade profesional do sector audiovisual. Para iso, inclúe un programa de actividades formativas que complementa os coñecementos desenvolvidos nas aula. Concretamente, o autor da webserie ‘Cacola’ ou da curta ‘Sandwich cat’, David Fidalgo, compartirá os seus coñecementos sobre animación. Haberá tamén unha charla en torno ao material de arquivo e o patrimonio audiovisual en Galicia, na que participarán a investigadora María Soliña Barreiro, o historiador e membro do Cineclube de Compostela Julio Vilariño e a integrante do colectivo Memoria e Cinema Laura Piñeiro.

Ademais, a comunicadora María Yáñez ofrecerá unha retrospectiva sobre a difusión cultural en Internet a partir da súa experiencia arredor da creación de contidos dixitais na revista ‘Vinte’ ou no festival Carballo Interplay e na promoción de obras audiovisuais como ‘O corno’ ou ‘Rapa’. Haberá tamén dúas actividades especiais:  unha en colaboración co Club de Cine da Facom arredor da videocreación, conducida por Adrián Canoura, e outra en colaboración co Club de Fotografía da facultade que consistirá nun obradoiro de cianotipia no que as persoas asistentes poderán coñecer e probar por si mesmas esta antiga técnica fotográfica.

Alén diso, dende o equipo de programación do festival elaborouse unha selección de artistas a incluír en paralelo á competición para exhibir as súas obras. A cineasta e montadora Lucía Estévez participará coa súa recente curtametraxe ‘O neno sardiña’, mentres o director de fotografía e creador de vídeos musicais Iago Vilarinho o fará cos seus clips para hydn ou RYMER. A videógrafa e fotógrafa Helena González intervirá coa sua curta ‘MINHAMENINHA’, así como a directora Paula Fuentes coa súa carta fílmica titulada ‘Lucita’.

O Facom Fest rematará o dia 30 cunha gala de clausura cargada de sorpresas onde se darán a coñecer as pezas gañadoras, premiadas cun bono de 200€ para utilizar en Elcom, unha tenda especializada en compoñentes electrónicos e material audiovisual. A gala será amenizada pola actuación de Gloria Pavía, unha artista pop con influencias de jazz vocal que compaxina a súa carreira musical coa súa labor de ilustradora, e que acaba de publicar o álbum ‘Novas flores’ xunto a Dani Liñeira, onde, unidos polo jazz e a música latinoamericana, compilan cancións sobre o amor e as flores silvestres.

Posteriormente dará comezo na sala Moon o concerto de Migui Bouzó, artista vigués que presentou o mes pasado o seu álbum debut ‘Cine i amor’ na Facultade de Comunicación, o cal fala da súa persoa nas distintas etapas da súa vida, combinando cancións máis íntimas a guitarra e voz con outras máis punkies, fusionando todo con elementos electrónicos, e dando lugar a un resultado que vai máis alá. Para finalizar a xornada haberá un dj set con Chris Indian e Ces en cabina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2023.