O SEPIU e o Proxecto de ApS 'Hermés' da USC colaboran con Artesanía de Galicia nunha iniciativa que busca poñer en valor as prácticas educativas desenvolvidas dende centros de educación especial

A Universidade de Santiago e a Fundación Artesanía de Galicia organizan a Xornada 'Educación, Artesanía e Inclusión: Novos desafíos para vellas demandas', que se desenvolverá no Salón Nobre e no Claustro de Fonseca o venres 28 de abril de 2023 entre as 9.30 e as 18.00 horas.
O acto inaugural contará coa presenza da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, do subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas da Xunta de Galicia, Xosé Mª López Carretero, e da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro.
Esta iniciativa xorde co fin de amosar o potencial da artesanía no proceso de inclusión sociolaboral de persoas con diversidade funcional ou en situación de vulnerabilidade social. Con este propósito, técese un programa que conta coa experiencia avalada do Centro Albayzín (Centro de Referencia Nacional de Artesanía) e tamén de centros, entidades e asociacións que xa traballan nesta liña en Galicia. Paralelamente, articularase unha pequena feira onde se exporán os produtos que elaboran en diferentes asociacións coa finalidade de evidenciar as oportunidades que ofrece este eido de traballo.