Ir o contido principal

Exposición

'Educación en feminino: un paseo pola historia'

09.02.2022-02.03.2022 | 17.30h

Permanecerá aberta ata o 2 de marzo na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo

Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo. Foto: Ramón V. Otero
Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo. Foto: Ramón V. Otero

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC rescata o labor desenvolvido por mulleres e colectivos femininos a prol da educación ao longo da historia a través dunha mostra composta por 34 pósteres e paneis, nos que o alumnado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar impartida polo profesor Francisco Xosé Candia Durán recuperan a memoria de episodios singulares da historia da educación e salientan as importantes achegas realizadas por ducias de educadoras e/ou colectivos femininos ao longo dos séculos.

A exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’, cuxa quinta edición se inaugura este mércores ás 17.30 horas no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado, permanecerá aberta ata o 2 de marzo no centro universitario lugués para trasladarse dous días despois ás instalacións da Biblioteca Provincial. A viaxe pola historia da educación que ofrece esta mostra comeza 600 anos antes de Cristo coa figura de Safo de Lesbos, á que sucede no tempo dous séculos despois Hipatía de Alexandría, dúas referentes no ámbito da educación que chamaron a atención dos futuros mestres, alumnos e alumnas ás que tamén impactou o traballo feito por Jeanne de Lestonnac a cabalo dos seculos XVI e XVII. Esta secuencia cronolóxica, na que o alumnado de Formación do Profesorado rescata a educadoras senlleiras de Galicia e de España, así como doutras mulleres que dinamizaron o ensino en Europa e América, recoñece tamén a contribución feita por outras figuras máis ou menos contemporáneas, tales como Justa Freire, Josefina Adecoa e mesmo Marta Mata, ao tempo que premia o traballo que seguen a facer na actualidade Mar Romera ou Rocío Ramos-Paúl.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2022.