Evento organizado pola USC, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega

O 12 de maio de 2021 cumpríronse cen anos do pasamento en Madrid de Emilia Pardo Bazán. A USC, xunto coa Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, quere sumarse aos actos que en Galicia conmemorarán ese centenario, organizando o Congreso Internacional 'Emilia Pardo Bazán, cen anos despois'.
Este congreso desenvolverase en tres sedes e tres datas. A primeira parada será a Real Academia Galega, na Coruña, os vindeiros 15, 26 e 27 de outubro. En segundo lugar, o Colexio de Fonseca da USC, en Santiago, acollerá a sesión do 28 de outubro. Para rematar, o día 29, de novo en Compostela, o Consello da Cultura Galega celebrará a derradeira sesión do congreso.
Ata o 12 de outubro de 2021, quen teña interese en asistir ao congreso, tanto presencialmente como en liña, pode enviar os seus datos (nome, enderezo electrónico e postal, teléfono e formato de asistencia) ao seguinte correo info [at] congresopardobazan100anos.gal (info[at]congresopardobazan100anos[dot]gal)