Ir o contido principal

Festival de artes escénicas 'USCénica 2020'

'O empapelado amarelo', a cargo da compañía de teatro A quinta do cuadrante

15.07.2020 | 20.30h

Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño

O aforo estará reducido seguindo o protocolo de seguridade. O despacho para retirar as entradas permanecerá aberto desde as 19.00 horas

Imaxe do espectáculo. Foto: A quinta do cuadrante
Imaxe do espectáculo. Foto: A quinta do cuadrante

Esta obra, a cargo da compañía de teatro A quinta do cuadrante, terá lugar na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño , e o prezo da entrada será de 3 euros. A función comeza ás 20.30 horas e dura 60 minutos.

'O empapelado amarelo' é un espectáculo teatral unipersoal que parte do relato autobiográfico homónimo publicado en 1891 pola autora norteamericana Charlotte Perkins Gilman. Nel narra, en primeira persoa, as perniciosas consecuencias dun tratamento médico que lle fora diagnosticado por un coñecido doutor da época para combater o estado melancólico e depresivo no que se atopaba a raíz do nacemento da súa primeira filla. Este tratamento consistía na eliminación de todo tipo de actividade intelectual e creativa, nunha dieta hipercalórica e nun encerro total no seu fogar. Este remata por converterse nun cárcere onde ela, acostumada a unha intensa actividade social e artística, acabaría por achegarse ao abismo da existencia e ao límite da súa cordura.

O festival 'USCénica 2020' terá lugar entre o 1 e o 18 de xullo. Esta iniciativa, que se desenvolverá entre a sala de teatro Roberto Vidal Bolaño, o Salón Teatro e a terraza do Auditorio da Universidade, inclúe tanto funcións de teatro coma concertos. A totalidade da recadación do festival irá destinada á asociación Banco de Alimentos de Santiago de Compostela. A tal efecto, pódese adquirir unha butaca 0 para contribuír a esta axuda sen asistir a ningunha función, facendo un ingreso no nº de conta ES69 0049 1467 29 2010476054 (Banco Santander). 

Dado o aforo reducido, non existe a posibilidade de mercar un abono para todo o festival. Unha vez comezada a función non se permitirá o acceso a ningún dos espazos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2020.