As BEME da Xunta favorecen o retorno de estudantes galegos emigrados ou dos seus descendentes

O vindeiro 5 de outubro a USC dará a benvida aos estudantes beneficiarios de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que cada ano convoca a Xunta de Galicia en aras a favorecer o retorno de estudantes galegos emigrados ou dos seus descendentes.
A recepción terá lugar de 11.00 a 13.00 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación. Entre os asistentes estarán Antonio López, reitor da USC; Antonio Rodríguez, secretario xeral de Emigración; Mª Begoña Solís, subdirectora xeral do Retorno; e Jesús Villadóniga, xefe do Servizo de planificación e Xestión de Programas do Retorno; así como 56 bolseiros e bolseiras que estudan 23 mestrados diferentes.
Durante o acto terán lugar dous relatorios: 'Normativa COVID e vacinación', a cargo de Norberto Camino, especialista en enfermaría familiar e comunitaria; e 'Trámites administrativos ao chegar a Galicia, a cargo de Mª Emma López, técnica da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Emigrante Retornado de Santiago de Compostela.