As burbullas son o formato que presentarán as actividades culturais do Campus Terra, promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, ata finais de 2020

Xa están aquí as Burbullas Culturais de outubro. A programación comeza co XXVI Festival de Teatro Universitario, que celebra a súa apertura cun encontro con Fernando Dacosta, director da Aula de Teatro de Ourense, baixo o título 'Historia do Teatro Universitario Galego'. Este evento, que terá lugar na Casa do Saber, contará coa participación de Tareixa Campo como presentadora.
A USC programará ata finais de ano ao abeiro do convenio que mantén co Concello e a Deputación de Lugo concertos, performances, encontros con artistas e creacións diversas no ámbito das artes escénicas e seminarios de aforo reducido para preservar a oferta cultural en tempos de pandemia.
Para asistir como público a calquera dos eventos incluídos na ‘burbulla’ do mes de outubro, cómpre enviar unha solicitude de petición de entrada ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es) a partir do venres anterior a cada actividade. Nese correo facilitarase o nome completo da persoa o seu DNI e teléfono. A oficina da Área de Cultura da USC no Campus de Lugo atenderá as reservas por rigorosa orde de petición.