Ir o contido principal

Encontro con responsables do movemento feminista 'Mujeres Creando'

30.11.2022 | 10.30h

Santiago de Compostela
Aula 15 (Módulo A)

Mayra Rojas, Emiliana Quispe e Raiza Zeballos

Encontro con responsables do movemento feminista 'Mujeres Creando' na Facultade de Ciencias da Educación
Encontro con responsables do movemento feminista 'Mujeres Creando' na Facultade de Ciencias da Educación

O movimento feminista Mujeres Creando de Bolivia é un referente en toda Latinoamérica pola súa loita contra as violencias que enfrontas as mulleres. O vindeiro 30 de novembro, a Facultade de Ciencias da Educación recibe a visita de tres integrantes desta iniciativa, Mayra Rojas, Emiliana Quispe e Raiza Zeballos.

Mujeres Creando leva máis de 25 anos defendendo os dereitos das mulleres bolivianas e denunciando as vulneracións que sofren. Propoñen unha política de acción concreta que dea resposta aos problemas das mulleres e que transforme a realidade machista na que se atopan. Utilizan a arte como instrumento de loita, sendo os seus grafitis unha das súas accións máis recoñecidas na sociedade boliviana, e unha radio propia (Radio Deseo) como medio imprescindible para falar das súas loitas e das violencias cara ás mulleres.

A actividade ten lugar no marco da liña de investigación sobre Educación para o Desenvolvemento Sostible e a Cidadanía Global do Grupo de Investigación Terceira Xeración e faise posible grazas á colaboración coa ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, unha entidade cunha longa traxectoria no eido da Cooperación Internacional, e a financiación de Cooperación Galega.

Dada a relevancia e o impacto social que o traballo de Mujeres Creando está a ter na vida das mulleres en Bolivia a visita posibilitará que o alumnado das especialidades de Educación poda coñecer a súa experiencia, as súas prácticas e as metodoloxías coas que traballan nunha aposta por contribuír a aprendizaxes mutuos e á visibilización doutras realidades.

Na súa estadía en Galicia, as representantes do colectivo terán reunións con representantes públicos, encontros con entidades galegas e espazos abertos ao público nos que presentar o seu traballo e intercambiar coa poboación galega experiencias e expectativas.

Raiza Zeballos é psicóloga responsable do programa Mujeres en Busca de Justicia, desde onde atenden e acompañan a mulleres que sofren violencias machistas ata que alcanzan xustiza e que se converteu nunha referencia contra a impunidade. Traballan desde unha metodoloxía propia que trata entender as loitas como unha capacidade de ofrecer unha solución e non como a capacidade de construír unha demanda. Propoñen solucións, portas de saída, métodos e formas de tratar e entender as violencias a partir das mulleres.

Mayra Rojas é unha avogada feminista recoñecida polo seu traballo contra a usura bancaria. Brinda asesoramento a mulleres en temas de dereitos laborais, económicos e financeiros, entendendo que as violencias que sofren as mulleres tamén se dan nestes ámbitos. Ademais, ten un programa en Radio Deseo, en castelán e aymara, onde semanalmente falan de temas básicos laborais e económicos para que todas as mulleres podan coñecer os seus dereitos.

Emiliana Quispe é a primera chola graduada como chef pola Escuela Hotelera de La Paz. Xefa de cociña do restaurante de Mujeres Creando que se atopa na Virgen de los Deseos, o centro de operacións de Mujeres Creando e que alberga outras iniciativas de autoxestión como fotocopiadora ou librería. O comedor tense convertido nun referente gastronómico na cidade e a súa visita é recomendada por prestixiosas revistas coma a Lonely Planet.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2022.