Ir o contido principal

Universidade de Verán 2021

'I Encontros Álvaro Cunqueiro: O camiño de quita e pon (1981-2021)'

25/06/2021 - 9.00 horas

Mondoñedo
Auditorio Pascual Veiga

Volta a Universidade de Verán tras ser suspendida en 2020, por primeira vez en máis de trinta anos, a causa da pandemia da COVID-19

Estatua de Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo
Estatua de Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo

O curso ‘I Encontros Álvaro Cunqueiro: O camiño de quita e pon (1981-2021), organizado e dirixido por Armando Requeixo, trasladará a Universidade de Verán 2021 ao Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo dos días 25 e 26 de xuño. As persoas interesadas en consultar o programa poden facelo a través desta ligazón.

Os obxectivos da primeira edición destes encontros pasa reunir algúns dos mellores especialistas na vida e obra de Álvaro Cunqueiro, co fin de analizar a actualidade e a vixencia da súa figura e escrita agora que se cumpren os corenta anos do seu pasamento. Os trinta anos da celebración do Día das Letras Galegas a el dedicado e os cincuenta anos da publicación de Xente de aquí e de acolá constitúen o outras efemérides que se lembran con este programa.

Este curso da Universidade de Verán 2021, para a que se ofrecen un máximo de 41 prazas, está estruturada en 16 horas lectivas, que se desenvolverán en quenda de mañá e tarde. As persoas matriculadas recibirán cadanseu diploma acreditativo unha vez rematadas as sesións programadas. A USC recoñecerá a asistencia a este curso con un crédito ECTS para o seu alumnado de grao.

O prazo de matrícula neste seminario da Universidade de Verán 2021, que conta con financiamento do Concello de Mondoñedo e da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, permanece aberto ata o 11 de xuño. O prezo da inscrición é de 70 euros, aínda que a USC ofrece unha taxa reducida de 40 euros a estudantes universitarios, de bacharelato ou de formación profesional, pensionistas, desempregado/as, socios da Asociación de Antigos Alumnos da USC e PDI e PAS da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2021.