A nova cita deste ciclo estará dedicada ao novo cinema mexicano e as comunidades indíxenas nun diálogo co director do filme 'Finlandia', Horacio Alcalá

A próxima cita dos 'Encontros Americanos na Granel' contará coa participación do director do filme Finlandia, Horacio Alcalá, cunha proxección e conferencia-coloquio que permitirá abordar o novo cinema mexicano e as comunidades indíxenas. Esta é unha actividade organizada polo grupo de investigación HistAmérica e cofinanciados pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura a través da súa convocatoria de axudas de dinamización cultural.
O filme Finlandia mostra como en Oaxaca existe unha comunidade que "non ten medo a desafiar os conceptos de identidade e xénero chegando ao mais fondo das súas paixóns a través do contacto coa terra que coidan: as muxes". Como explica o seu autor, "non son nin homes nin mulleres. Son unha comunidade unidade baixo a vibración da terra que senten atracción polas vibracións humanas sen importar o xénero e adoitan desenvolver tarefas tradicionalmente femininas como a cociña, a artesanía ou a costura".
Este colectivo confecciona roupa tradicional zapoteca que visten. Este grupo chama a atención dunha importante marca de roupa que envía a unha deseñadora de moda a Oaxaca para comprar a man de obra das muxes. Con todo, nada é o que parece na terra das muxes. O tremor que acosa a Oaxaca dende hai anos terminará nun sismo real que fará que as muxes desafíen o seu destino e acaben curando a súa alma.
Os Encontros
Os Encontros Americanos na Granell teñen como fin ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América a través dun programa de conferencias mensuais que abordarán temas culturais, políticos, sociais, económicos ou de actualidade, de interese público e carácter divulgativo.