Ir o contido principal

Encontros de Lúa Chea

'Enraizadas no rural: innovación con nome de muller’

22/03/2022 - 17.00 horas

O programa da sesión promovida polo colectivo Proxéctate en Galego desenvolverase a partir das 17.00 horas na Sala de Xuntas do centro universitario e permitirá coñecer tres proxectos innovadores no medio rural, tales como o son Carabuñas, Maruxío e Traloagro, da man das súas impulsoras

Cartaz da sesión
Cartaz da sesión

Os ‘Encontros de Lúa Chea’, unha actividade promovida polo colectivo universitario Proxéctate en Galego, no que participan a Comisión de Normalización Lingüística da EPSE e o grupo de innovación docente Ruralia, para favorecer a reflexión, a análise e o debate sobre temas de actualidade, volven este martes 22 de marzo á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC coa sesión ‘Enraizadas no rural: innovación con nome de muller’.

A xornada, de acceso libre e de balde para todo o público interesado, comezará ás 17.00 horas na Sala de Xuntas da EPS de Enxeñaría, onde tres emprendedoras presentarán tres proxectos innovadores ligados ao medio rural, tal e como o son Carabuñas, Maruxío e Traloagro.

Eva González dará conta na súa intervención da evolución experimentada por Carabuñas, unha marca con sede en Vilar de Santos que procura a posta en valor do sabugueiro e das súas propiedades a través da comercialización de produtos ecolóxicos saudables e innovadores como marmeladas, xeleas, infusións, bombóns, licores, cervexas... Do mesmo xeito, a impulsora de Maruxío, María Rivas, explicará a actividade desenvolvida desde a Estrada por Maruxío, unha iniciativa empresarial que combina desde A Estrada a oferta de aloxamento rural, a dinamización cultural e a repostería artesá.

Isabelle Gómez, promotora de Traloagro, unha empresa avícola e bovina en ecolóxico asentada en Friol, completa a quenda de relatoras convidadas a participar no primeiro dos ‘Encontros de Lúa Chea’ programados en 2022. Na súa intervención, esta emprendedora falará do novo pulo dado por Traloagro desde que deu o paso á transformación e venda da produción propia da explotación e doutros produtos certificados logo  da posta en marcha dunha central de despezamento e da apertura de dúas tendas.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.03.2022.