Evento organizado pola USC en colaboración coas marcas 'Pescaenverde' e 'PescadeRías, ¿de onde se non?'

O vindeiro venres terá lugar o acto o de entrega de certificados da marca 'Pescaenverde' ás lonxas certificadas pola marca 'PescadeRías, ¿de onde se non?', no salón de actos da Lonxa de Ribeira ás 17.00 horas.
Froito da investigación levada a cabo durante os últimos 20 anos polos profesores Gumersindo Feijóo Costa e María Teresa Moreira no grupo de investigación de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, centrados na Análise do Ciclo de Vida e a Taxa de Retorno Enerxético no sector pesqueiro, desenvolveuse no ano 2013 a marca de garantía 'Pescaenverde'.
Esta marca aporta información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medio ambiente, e ao mesmo tempo aporta un valor engadido aos produtos que incorporan a marca, favorecendo a súa venda nun mercado tan competitivo como o actual.
A Consellería do Mar e a USC asinaron no ano 2017 un convenio de colaboración para levar a cabo a incorporación e uso da marca 'Pescaenverde' xunto coa marca 'PescadeRías, ¿de onde se non?', creada pola Consellería do Mar para a promoción e defensa dos produtos do mar procedente da pesca artesanal.
Os cálculos realizados pola USC evidenciaron que as especies capturadas baixo as modalidades de pesca aceptadas pola marca 'PescadeRías, ¿de onde se non?' están dentro dos límites aceptables de pegada de carbono e taxa de retorno enerxético establecidos pola ecoetiqueta 'Pescaenverde'.
Isto implica que as entidades xa certificadas por 'PescadeRías, ¿de onde se non?' poderán incorporar a marca pescaenverde nas súas etiquetas e comercializar os seus produtos coas dúas marcas, transmitindo así aos consumidores o perfil ambiental dos seus produtos.
O acto de entrega ás lonxas certificadas contará coa presencia de Antonio López, reitor da USC; Manuel Ruiz, alcalde do concello de Ribeira; Rosa Quintana, conselleira do Mar; Gumersindo Feijoó, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC e representante de 'Pescaenverde'; Fernando Carreira, xerente da Lonxa de Ribeira; e representantes das lonxas certificadas (Confraría de Pescadores de Cedeira, Confraría de Pescadores Virgen del Carmen de Cabo de Cruz, Confraría de Pescadores Virgen del Rosario de Vilaxoan, Confraría de Pescadores de Ferrol e Confraría de Pescadores de A Pobra do Caramiñal).