O reitor da USC, Antonio López, preside o acto no que 119 persoas recibirán este recoñecemento

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca será o escenario o venres 20 de decembro a partir das 12.00 horas do acto de entrega das Insignias Fonseca 2024 coas que a USC recoñece o traballo ás traballadoras e aos traballadores que prestasen servizos á institución universitaria durante máis de 30 anos. Este ano reciben as insignias 119 persoas.
Preside o acto o reitor Antonio López, quen estará acompañado pola secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella; o xerente da USC, Javier Ferreira; as vicerreitoras de Política Científica, Pilar Bermejo, e de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; e os vicerreitores de Profesorado, Ernesto González Seoane e de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo.
No transcurso do acto intervirá a directora da Biblioteca Universitaria, María Isabel Casal Reyes, en nome do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, e o profesor da Facultade de Veterinaria de Lugo Luis Ángel Quintela Arias en nome do persoal docente e investigador. A actuación musical correrá a cargo do Cuarteto da Orquestra da USC.