O xurado da V edición do premio acordou concederlle o galardón de maneira unánime polo “seu labor activo a prol da lingua galega”

Xosé Manuel Beiras Torrado, catedrático xubilado da USC, recollerá o mércores 21 de setembro o premio Luis Porteiro Garea. O xurado da V edición do premio acordou concederlle o galardón de maneira unánime polo “seu labor activo a prol da lingua galega”, como profesor e, posteriormente, como catedrático e decano, “dado que exerceu un importante e permanente labor de promoción e defensa do idioma na docencia, na investigación e na propia xestión do centro”. Beiras foi catedrático de Estrutura Económica da USC e defendeu o uso do galego nas aulas dende os seus inicios como profesor de Economía Política na Facultade de Dereito, entre 1964 e 1965; e, posteriormente, xa en 1968, como profesor de Estrutura e Institucións Económicas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
O acto de entrega terá lugar no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC ás 12.00 horas. Será presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz e contará coas intervencións da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; do director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala; e do profesor Xavier Vence Deza, encargado de realizar a loa do homenaxeado.
As persoas interesadas en asistir deben comunicalo enviando un correo electrónico ao enderezo reitor.secretaria [at] usc.gal (reitor[dot]secretaria[at]usc[dot]gal)