Contempla unha modalidade para proxectos empresariais baseados na carteira de patentes da USC e outro para ideas de negocios novas propostas polas persoas participantes

O xurado dos premios ‘Argos. Creando equipos de emprendedores’ 2022 dará a coñecer este xoves 21 o seu ditame nun acto que se vai celebrar a partir das 12.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidido polo reitor da USC, Antonio López. Argos é unha iniciativa da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC que busca sensibilizar e adestrar estudantes e investigadores da USC no proceso de elaboración do plan de negocio e promover a creación de empresas na comunidade universitaria, a partir dunha filosofía de traballo en equipo e ‘aprender facendo’.
Na sesión de entrega está prevista a participación da directora xeral de Unirisco, Inmaculada Rodríguez Cuervo; a subdirectora xeral de Emprego, Mª Belén Liste Lázara; a subdirectora da Oficina Galicia Emprende do IGAPE, Fanny Suárez Mansilla; a xestora de innovación da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Verónica Castelo Liñares; e o director de AVTE, José Luis Villaverde.
O concurso contempla dúas modalidades: Argos Spin, para plans de empresa desenvolvidos a partir dalgúns resultados de investigación xerados na USC; e Argos Enxeño, no que compiten propostas xurdidas de ideas de negocio que propuxeron algunhas das persoas participantes. No primeiro caso concorren os proxectos Rema, USCAN3D e STec-Nano, mentres que na fórmula Enxeño conformáronse os equipos Killin Fakes, Thermood e Peral Project. Entregarase un premio en cada modalidade cunha achega en metálico de 3.000 euros (50% para repartir entre os integrantes do equipo e 50% para a empresa xurdida sempre que sexa constituída nos seguintes 12 meses ao ditame do xurado).