Promovida pola USC en colaboración co Banco Santander, esta iniciativa recoñece Empresas de Base Tecnolóxica da USC, e proxectos empresariais e Start-up creados nos últimos dous anos

A Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Banco Santander convocou en novembro de 2021 a primeira edición dos premios á ‘Mellor iniciativa empresarial USC’, cos que se quere recoñecer as iniciativas emprendedoras creadas ao abeiro da USC.
O luns 27 de xuño, o Salón Nobre do Colexio de Fonseca acollerá o acto de entrega de premios aos mellores proxectos participantes nesta convocatoria. Terá lugar ás 11.00 horas coa presenza do reitor da USC, Antonio López Díaz, e do delegado de Transferencia do Coñecemento da institución, Luis Alberto Otero González. O director da Área de Valoración de Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña, será o encargado da presentación dos proxectos premiados. A entrega de premios será efectuada polo director de Institucións en Galicia do Banco Santander, Luis Pernas Hermida; a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, Margarita Ardao; a directora da Área de Servizos GAIN, Patricia Fernández; a responsable da Área de Competitividade do IGAPE, María Rosario Eirín Barrio; e polo reitor da USC.