Ir o contido principal

Entrega dos V Premios Rafael Crecente a Iniciativas en Xestión Territorial

O reitor da USC, Antonio López, presidirá na EPS de Enxeñaría a cerimonia de entrega do galardón convocado polo Ibader xunto co LaboraTe da USC en homenaxe ao profesor Rafael Crecente e dotado con 3.000 euros

Cartaz dos V Premios Rafael Crecente
Cartaz dos V Premios Rafael Crecente

O reitor da USC, Antonio López Díaz, presidirá este xoves, a partir das 18.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo, a cerimonia de entrega da quinta edición dos Premios Rafael Crecente, uns galardóns promovidos polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) xunto co Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC en homenaxe ao finado profesor Rafael Crecente e orientado a distinguir Iniciativas Innovadoras en Xestión Territorial.

O director do Ibader, Pablo Ramil Rego; a diretora da EPS de Enxeñaría do Campus Terra, Rosa Romero; a delegada do reitor para o Campus Terra da USC, Elvira López Mosquera, tamén participarán na cerimonia de entrega destes galardóns, dotados con dous premios de 2.000 e 1.000 euros, respectivamente, no marco dun acto no que tamén intervirá a deputada provincial delegada da área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.

A profesora do Departametno de Análise Económica da USC María Loureiro abrirá a sesión de entrega dos V Premios Rafael Crecente co relatorio ‘As percepcións da cidadanía sobre o cambio climático: unha análise apoiada en big data’. Ao remate da súa intervención, procederase á entrega dos galardóns.

O director do Ibader aproveitará esta sesión para anunciar a apertura da sexta convocatoria dos Premios Rafael Crecente, unha nova edición aberta a quelas persoas que finalizaron a súa titulación universitaria de grao ou mestrado nos últimos 5 anos, a través da que se pretende impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2022.