Ir o contido principal

Acto institucional

Entrega dos XIV Premios á introdución da perspectiva de xénero

27.09.2023 | 12.30h

Santiago de Compostela
Salón Nobre

Os premios contan con financiamento do Concello de Santiago

Cartel da edición
Cartel da edición

O acto de entrega da décimo cuarta edición dos Premios á introdución da perspectiva de xénero terá lugar o mércores 27 de setembro ás 12.30 horas  no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. O reitor Antonio López abrirá o evento que contará coas intervencións de Sandra Vázquez Domínguez, secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia; Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa do concello de Santiago de Compostela; e Marta Pérez Pereiro, delegada do reitor para a Igualdade, quen fará lectura da acta do veredicto e o chamamento para a entrega de diplomas acreditativos.

Esta convocatoria é unha acción consolidada dentro das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes a través do potencial da incorporación da perspectiva de xénero en dúas das principais facetas da actividade universitaria en materia de xeración e difusión de coñecemento, a docencia e a investigación. 

Premios

Mª José Domínguez Vázquez, profesora da área de Filoloxía Alemá, xunto a María Álvarez de la Granja, Elisa Fernández Rey, profesoras da área de Filoloxías Galega e Portuguesa; e Lola Mosquera Sánchez, Deborah Nebechukwu e U-Tong Sih son as responsables dos traballos premiados nesta edición. A iniciativa titulada ‘Mulleres na lexicografía’ acada o primeiro premio, dotado con 1.000 euros, na modalidade de docencia. No capítulo de investigación, imponse o traballo ‘Cento cincuenta mulleres e ningún home’, presentado por Ana Cabana Iglesias, profesora da área Historia Contemporánea, sobre as mulleres nas protestas no campo galego durante o franquismo, dotado tamén con 1.000 euros.

Docencia

O segundo premio na categoría de docencia, dotado con 750 euros, galardoou a ‘Petíscame temporada 1: Creadoras galegas. Un videopodcast sobre libros e ilustración producido por docentes en formación’, cuxa autoría corre a cargo de Rocío García Pedreira, profesora da área de Didáctica da Lingua e a Literatura. Finalmente, o terceiro premio foi para ‘Filopedia. Pensamento galego’ de Xosé Luis Pastoriza Rozas, profesor da área de Filosofía, quen recibirá 500 euros.

Investigación

No capítulo investigador premiouse cos 750 euros do segundo galardón a ‘Produción, reprodución e esfera pública: as que limpan’ de Yolanda Martínez Suárez, profesora da área de Filosofía Moral. O terceiro premio de 500 euros distinguiu a Yolanda Maneiro Vázquez, profesora da área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC, por ‘Coidadores, igualdade e non discriminación e corresponsabilidade: a (R)evolución dos dereitos de conciliación da man da Directiva (Ue) 2019/1158’.

Accésit

Ademais, outorgáronse dous accésit a ‘Xénero e política. Novas liñas de análise ante a cuarta vaga feminista’ de Marta Lois González e Alba Alonso Alvárez, profesoras da área de Ciencia Política e da Administración; e a ‘Mariscadoras da ría de Muros-Noia: patrimonio inmaterial de Galicia dende unha perspectiva feminista’ de Guadalupe Jiménez Esquinas, profesora da área de Antropoloxía Social.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2023.