O reitor da USC, Antonio López, preside o acto de entrega do Premio Aresa a EFA Fonteboa de Coristanco no auditorio de Veterinaria, nunha sesión na que a presidenta da Asociación Española de Enxeñeiros Agrónomos, María Cruz Díaz Álvarez, ofrecerá o relatorio ‘Desenvolvemento rural e desenvolvemento do campo’

O reitor da USC, Antonio López Díaz, presidirá este venres 11 de marzo, ás 20.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, a cerimonia de entrega do XXII Premio Aresa de Desenvolvemento rural, un galardón dotado con 10.000 euros en metálico e promovido conxuntamente pola USC e o grupo Aresa que nesta última edición recaeu na EFA Fonteboa de Coristanco.
O presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, a CEO da entidade, Carlota López, e a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, participarán nesta sesión, na que se prevé a participación dun nutrido grupo de autoridades académicas e políticas, ademais de representantes do tecido empresarial e do sector produtivo.
A presidenta da Asociación Española de Enxeñeiros Agrónomos, María Cruz Díaz Álvarez, ofrecerá no marco desta celebración o relatorio ‘Desenvolvemento rural e desenvolvemento do campo’.
As persoas interesadas asistir á sesión deberán formalizar a súa inscrición con antelación a través do enderezo de correo electrónico info [at] aresa-agricola.com (info[at]aresa-agricola[dot]com) ou ben no número de teléfono 982 222 400.