Ir o contido principal

Ciclo en liña 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia'

A escritora e xornalista Rosa Montero, primeira entrevistada do proxecto do IGFAE

15.05.2020 | 20.00h

O encontro, moderado polo profesor José Edelstein, poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)

Cartel da conversa
Cartel da conversa

Comeza o ciclo de  diálogos virtuais entre o persoal investigador do IGFAE e figuras do ámbito cultural como parte do proxecto 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia'. A escritora e xornalista Rosa Montero será este venres 15 de maio, ás 20.00 horas, a primeira entrevistada que participará nesta iniciativa. A través da canle de Youtube do IGFAE, o público poderá seguir e participar neste diálogo en directo dirixido polo profesor da USC José Edelstein.

Este proxecto, iniciativa do IGFAE da USC e a Xunta de Galicia, traerá nos próximos meses a figuras coas que exploraremos as interseccións entre a física, a ciencia e a cultura, así como outras reflexións cun enfoque interdisciplinar. 

'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia' insérese dentro do programa ArtLAB do IGFAE, unha iniciativa que pretende tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas. Súmase así a 'Cosmoloxías', unha exposición de obras cartográficas inspiradas no Universo da artista Irene Dubrovsky, celebrada en marzo de 2019; e á conferencia 'Física en concerto coas artes' da física teórica Ágnes Mócsy, impartida durante a II Semana da Ciencia do IGFAE en colaboración co Centro Galego de Arte Contemporánea.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2020.