Ir o contido principal

Conferencias

'España espía. Os servizos de intelixencia durante a Segunda Guerra Mundial'

29.03.2023-30.03.2023 | 10.00h-14.00h

Santiago de Compostela
Mércores 29: Aula 6 (mañá) e Aula 11 (tarde)
Xoves 30: Aula 15

O grupo de investigación Hispona impulsa estas xornadas

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas

O grupo de investigación de Historia Política e dos Nacionalismos da USC (Hispona) impulsa as xornadas 'España espía. Os servizos de intelixencia durante a Segunda Guerra Mundial' que se desenvolverán o 29 e 30 de marzo na Facultade de Xeografía e Historia. 

O programa arranca o día 29 de marzo ás 10.00 horas na Aula 6 da man dos profesores Emilio Grandío e Carlos Piriz, encargados de presentar este encontro que contará coa presenza de investigadoras e investigadores da contorna estatal para tratar diferentes aspectos das redes e servizos de intelixencia e espionaxe que actuaron no país durante a Segunda Guerra Mundial e ofrecer un debate que se abre á comunidade universitaria.

Inmediatamente despois da presentación, Carlos Píriz ofrecerá a conferencia 'Os servizos de intelixencia militar franquistas: da Guerra Civil á Nova Orde Mundial', que e dará paso á invervención da investigadora da Universidade das Palmas de Gran Canaria Marta García Cabrera sobre 'As redes de Espionaxe en Canarias (1939-1945): información, sabotaxe e intelixencia operacional no Atlántico Medio' a partir das 10.45 horas. Pechará a mañá Emilio Grandío co relatorio 'Galicia puido ser Normandía: redes de información e transcendencia estratéxica do noroeste peninsular durante a Segunda Guerra Mundial'. 

As sesións da tarde desenvolveranse na Aula 11 a partir das 17.00 horas. Daquela, o investigador Xavier Juncosa ofrecerá a conferencia 'Os servizos de información alemáns, italianos e españois en Barcelona. Informes da contraespionaxe francesa'. A sesión continuará coa participación do investigador da Universidade de Sevilla Julio Ponce, quen afondará na 'Espionaxe en Xibraltar: da Guerra Civil á Segunda Guerra Mundial"

A xornada do xoves, 30 de marzo desenvolverase na Aula 15 e abrirá ás 11.00 horas coa intervención de Javier Rodríguez, investigador da Universidade de León, sobre as 'Redes de información no interior peninsular (1939-1945). Luis Velasco, da Universidade de Vigo, será o encargado de concluir a serie de conferencias cunha intervención sobre 'O servizo de información de Falanxe: un peón no exterior (1936-1945).

A participación no encontro, cuxo programa completo está dispoñible nas imaxes anexas, é libre ata completar a capacidade da sala. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2023.