
Anticipándose ao Día Mundial da Filosofía que se conmemora o 21 de novembro, o programa 'Filosofía na Rúa 2024' organizou para o vindeiro mércores 13 de novembro un espectáculo de danza e arte de acción titulado 'Deriva Senso-Sonora: Os Camiños do Desexo'. Desenvolverase da man da bailarina e investigadora Elsa Pereira na aula 4 da Facultade de Filosofía ás 18.45 horas. A entrada é de balde ata completar a capacidade do espazo.
O espectáculo, segundo a investigadora, "trátase, en realidade, dunha acción protesta a modo de deriva na que imos mapear o territorio casco histórico para identificar camiños do desexo posibles". Actualmente Elsa Pereira investiga sobre prácticas artísticas sensoriais inmersivas, convidando á reflexión sobre o territorio e os seus usos a modo de derivas senso-sonoras.
