A mostra achégase á actividade pasada e presente dos gremios da prata e o acibeche en Santiago de Compostela, cuxa historia discorre paralela á tradición xacobea e á da propia cidade, reflectida no seu rueiro, nunha das súas prazas máis emblemáticas e en distintos emprazamentos do seu casco histórico

A Universidade de Santiago de Compostela e o gremio de prateiros e acibecheiros da cidade, agrupado na Asociación de Artesáns e Comerciantes de “Ourives de Compostela”, manteñen desde hai anos un convenio de colaboración que abeira diferentes actuacións no campo da investigación, documentación e extensión cultural nas áreas relacionadas co fenómeno cuncheiro, prateiro, acibecheiro e do bronce da cidade de Santiago de Compostela. Neste contexto colaborativo que vincula transversalmente diferentes disciplinas universitarias agroma a exposición 'O Esplendor do Camiño, Oito séculos de Pratería e Acibeches en Compostela', deseñada como unha aproximación á pratería e a acibechería en Santiago, á historia dunha arte milenaria.
A mostra está organizada por Ourives de Compostela, a Universidade de Compostela e o Concello de Santiago, e é posible grazas ás achegas do propio Concello, da Xunta de Galicia -a través da Axencia de Turismo de Galicia e da Consellería de Cultura, Educación, F.P. e Universidades- e a Deputación Provincial da Coruña.