Ir o contido principal

Faladoiro polo Día Mundial da Diabetes

Afecta a unha de cada sete persoas adultas en España, das cales case un terzo non están diagnosticadas, sendo na actualidade a segunda taxa máis alta de Europa

Edificio do CiMUS. FOTO: Santi Alvite
Edificio do CiMUS. FOTO: Santi Alvite

Coincidindo coa conmemoración o xoves 14 de novembro do Día Mundial da Diabetes, o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC reúne especialistas propios e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) para poñer en común os principais desafíos e avances no manexo desta enfermidade. Farao a partir das 11.30 horas no Salón de Actos do CiMUS nunha mesa de debate na que contará coa participación de Carlos Diéguez, Iria Gómez-Touriño, Miguel Ángel Martínez-Olmos, Ricardo Villa Bellosta e Rubén Nogueiras, especialistas nese eido, que abordarán a estreita relación da diabetes coa obesidade, as enfermidades cardiovasculares, a inmunoloxía, a endocrinoloxía e a nutrición.

A inauguración da xornada contará coa participación do director adxunto do CiMUS, José Luis Labandeira; o director do Departamento de Bioquímica da USC, Jaime Gómez; o director do Departamento de Fisioloxía da USC, Juan Zalvide, e a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Irene Bonome.

Enfermidade multidisciplinar 
A transversalidade da diabetes e o seu tratamento multidisciplinar fan que a mesa de debate conte con especialistas en diferentes áreas. É o caso de Carlos Diéguez, coordinador do grupo Functional Obesomics do CiMUS; Iria Gómez-Touriño, á fronte do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas; Miguel Ángel Martínez-Olmos, coordinador do grupo do IDIS Endocrinoloxía Molecular; Ricardo Villa-Bellosta, coordinador do grupo do CiMUS Homeostase enerxética e Calcificación Vascular e Rubén Nogueiras, encargado de dirixir o grupo deste centro singular, Metabolismo Molecular.

No marco deste debate, Ricardo Villa aproveitará para presentar os principais resultados dun estudo publicado na revista 'Cardiovascular Diabetology' que podería cambiar o enfoque no tratamento das complicacións cardiovasculares en persoas con diabetes.  Un achado que suxire unha potencial vía para evitar a calcificación en arterias e outros vasos sanguíneos en persoas con diabetes, un avance con implicacións significativas para a saúde cardiovascular.

Prevalencia
A diabetes mellitus converteuse nunha das enfermidades causantes de máis mortes en todo o mundo. Segundo a Organización Mundial da Saúde, máis de 1,5 millóns de persoas perderon a vida a nivel mundial por mor desta enfermidade e estímase que 463 millóns de persoas sofren algún tipo de diabetes, moitos dos cales son menores de 14 anos. A estes datos hai que sumar todos os casos de diabetes non diagnosticados. Para 2045, as proxeccións indican que esta cifra podería incrementarse ata os 783 millóns de diabéticos en todo o mundo.

En España, a prevalencia da diabetes alcanzou o 14,8%. Afecta a un de cada sete adultos e é a segunda taxa máis alta de Europa. Case un terzo (30,3%) das persoas que viven con diabetes en España non están diagnosticadas. Cando a diabetes non se detecta ou non se trata adecuadamente, pode causar complicacións graves e potencialmente mortais como pode ser un infarto de miocardio, un accidente cerebrovascular, insuficiencia renal, cegueira ou amputación de membros inferiores.

Estas complicacións reducen a calidade de vida e aumentan os custos sanitarios. Atendendo a iso, España sitúase na lista dos dez primeiros países en canto ao gasto sanitario relacionado coa patoloxía. Na actualidade supón o 8,2% do gasto, alcanzando os 8.600 millóns de euros entre custos directos (5.800 millóns de euros) e indirectos (2.800 millóns de euros).

Cartel da xornada
Cartel da xornada
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2024.