Os tres estudantes galegos clasificados realizarán as súas probas na Facultade de Matemáticas da USC en condicións de máxima seguridade

A Fase Nacional da LVII Olimpíada Matemática Española celebrarase a distancia este martes 14 e mércores 15 de xullo, logo do seu aprazamento producido por mor da COVID-19 o pasado mes de marzo.
Martín Padrón Rodríguez (IES As Lagoas, Ourense), Antón Moure Rodríguez (Colexio Manuel Peleteiro, Santiago de Compostela) e Antón Figueroa Martínez (IES do Sar, Santiago de Compostela), gañadores da Fase Autonómica Galega celebrada en xaneiro, realizarán as súas probas na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, onde está “todo previsto para levalas a cabo en condicións de máxima seguridade”, segundo informa a decana da Facultade, Elena Vázquez Cendón.
As probas darán comezo ás 10.00 horas do martes 14 de xullo, e os tres clasificados disporán de tres horas e media diarias para resolver tres problemas matemáticos.