O Campus Terra da USC promove este venres xunto co Concello de Lugo e a Deputación Provincial de Lugo unha xornada divulgativa no Mercado municipal para facer visible o peso das mulleres no emprendemento rural.
O Campus Terra da USC promove xunto co Concello de Lugo e a Deputación Provincial de Lugo a celebración da I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural, unha xornada divulgativa que se desenvolverá este venres 28 de outubro nas instalacións do Mercado municipal localizadas na Rúa Quiroga Ballesteros, e a través da que se pretende facer visible o peso das mulleres no emprendemento rural.
O reitor da USC, Antonio López, presidirá a sesión de apertura deste evento ás 9.30 horas, no marco dunha sesión conducida pola responsable do programa Woman Emprende da USC, Eva López Barrio, e na que tamén participará a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera. A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial delegada da área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a directora Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, Margarita Ardao Rodríguez, completarán a quenda de intervencións.
A xornada, que se prolongará en quenda de mañá e tarde, busca poñer en valor o cometido que a USC e tamén as institucións públicas deben xogar para fomentar o desenvolvemento rural, a través da pegada das emprendedoras. A I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural contará tamén con espazos expositivos nos que unha vintena de empresas e iniciativas de negocio lideradas por mulleres (Muuhlloa, Cerneda, Gandeiría Quitián, Tres Fuciños Porco Celta. Abadía da Cova-Adegas Moure, Ceniza de papel, Lucecús, Maripaz Lorenza, Ribeiregas, Tropic Gaia, Quinta Sacra, Embutidos Suarna, Rural o Urbano, Mi madre no me deja; Xianas, Pau Decó, Argaia Biocosmética, Caurelor, Aobá Upcycling, Mira Tú, e A Libraría de Proencia) presentarán os produtos e servizos que ofrecen.
Estruturada en mesas de debate e obradoiros participativos, o programa da I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural comezará ás 10.00 cunha sesión sobre experiencias de emprendedoras rurais, no marco da que a directora de campo do Grupo Leite Río, Cristina Dopico; a presidenta do GDR-Terra Chá, Fe Legaspi; a CEO de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea, Idoia Cuesta; a CEO de Mi Tesoro, Virginia Mateos; a copropietaria de Adegas Moure, Paloma Rodríguez Moure, e a copropietaria de Traloagro, Isabelle Gómez Rodríguez, darán conta dos seus respectivos testemuños.
A investigación universitaria na contorna rural dará continuidade ao programa cun coloquio no que participarán como relatoras as CEO de TasteLab e IBoneLab, Maruxa Quiroga e María Permuy, respectivamente, ademais de Begoña Jiménez, Nuria Varela Portas e Marta Álvarez, que, á súa vez, son co fundadoras de Timbersoul by Cándido Hermida, Pazo de Vilane e Muuhlloa.
Un obradoiro de maridaxe científico con Sensesbit by TasteLab, e a sesión de iniciación á cata ‘Mulleres e viño na Ribeira Sacra’, a cargo da sumiller Isabel Lozano, pecharán o programa matinal. A I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural continuará en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, con tres obradoiros sobre deseño dunha horta, a cargo do GDR-4; Moda Upcycling, guiado por Karol Farias, CEO de Aobá Upcycling, e cerámica, impartido por María Sánchez, de Ceniza de Papel.
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira; a deputada provincial delegada da área de Muller e Igualdade, María Loureiro, e a concelleira de Igualdade e Muller do Concello de Lugo, Silvia Alonso, clausurarán esta xornada divulgativa sobre emprendemento feminino na contorna rural a partir da 18.30 horas, no marco dun acto moderado por Patricia González Alonso, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC.