Ir o contido principal

Presentación do filme

'A festa do emigrante'

16.06.2022 | 18.30h

Santiago de Compostela
Paraninfo

Un filme documental sobre o vínculo entre patrimonio e comunidade, realizado por Sara Traba

Presentación do filme 'A festa do emigrante'
Presentación do filme 'A festa do emigrante'

O patrimonio é moito máis que un recurso sostible, é tamén un signo de identidade das comunidades que viven nel. Sobre esta relación afonda A festa do emigrante, un documental realizado por Sara Traba que se presenta no Paraninfo da USC o 16 de xuño ás 18.30 horas. O audiovisual forma parte do proxecto de investigación 'Arquitecturas da Paisaxe e do Cambio' que lidera a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea do Grupo de Investigación Síncrisis (USC). Tras a proxección haberá un debate co público conducido por Encarna Otero no estarán presentes tamén a directora, Sara Traba, a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea (coguionista do documental) e varios veciños de Arcos de Valdevez que participan no proxecto, como Emilio Dias ou Nelson Dias.

O adro da igrexa da freguesia do Extremo (Arcos de Valdevez, Portugal) convértese cada agosto nunha celebración que funde música, comida, ritos e as saudades dos emigrantes que volven no verán á terra. É a festa do emigrante, unha xuntanza que vai máis aló dunha simple celebración, xa que supón un vínculo entre a xente e o seu territorio. A realizadora Sara Traba plasma esa relación neste traballo audiovisual que pon o acento nas persoas, na comunidade. O documental pretende ser tamén unha reflexión sobre a incerteza dun futuro cheo de patrimonios que poden quedar baleiros de memoria.

O traballo de Sara Traba é un dos resultados do proxecto 'Arquitecturas da Paisaxe e do Cambio' realizado na Universidade de Santiago de Compostela, e tamén dun proxecto de posta en valor dunhas fortificacións excepcionais polo seu estado de conservación financiado pola Câmara de Arcos de Valdevez (Portugal),  elaborado na Universidade do Minho, coa colaboración da USC, e dirixido por Blanco-Rotea. Un espazo singular porque unha destas fortificacións é hoxe o punto de encontro da comunidade ao ter sido convertida na década de 1970 nun campo de fútbol.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2022.