Este centro da USC acollerá o relatorio do profesor da Universidade Autónoma de Madrid, José Luis Mora García, ás 12.30 horas e, ás 17.30 horas, contará coa lección maxistral a cargo de José Miguel Sagüillo Fernández-Vega, decano do centro entre os anos 2017 e 2018

A Facultade de Filosofía celebra este martes 26 de abril a festividade do centro, San Isidoro de Sevilla, con dúas actividades académicas, abertas ao público en xeral ata completar a capacidade do espazo.
Ás 12.30 horas, na aula 2, terá lugar a conferencia 'A reconstrución da Historia da Filosofía Española. Do franquismo á España democrática', a cago de José Luis Mora García, profesor xubilado de Filosofía Española da Universidade Autónoma de Madrid e presidente da Asociación do Hispanismo Filosófico entre 2004 e 2017.
Xa en quenda de tarde, ás 17.30 horas, no Salón de Actos, pronunciará a lección maxistral con motivo da devandita festividade José Miguel Sagüillo Fernández-Vega, profesor xubilado de Lóxica e Filosofía da Ciencia da USC e decano da Facultade de Filosofía entre os anos 2017 e 2018. A súa lección maxistral, 'Un concepto dinámico e relativo de paradoxo', contará coa presentación do decano, Marcelino Agís Villaverde. A lección foi editada pola Imprenta Universitaria da USC e será entregada aos asistentes.