A Facultade de Física acolle este ano acto conmemorativo da festividade que comparte coas facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Química e Matemáticas

As facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Química e Matemáticas conmemoran este martes a festividade de San Alberte Magno, que arrancará ás 12.00 horas na Aula Magna da Facultade de Física.
O vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, será o encargado de abrir este acto que contará tamén coa presenza da decana do centro, Mª Elena López Lago; do decano da Facultade de Bioloxía, Jesús Ángel López Romalde; do da Facultade de Química, Jesús Sanmartín Matalobos; da decana da Facultade de Matemáticas, Mª Elena Vázquez Cendón; e da súa homóloga na Facultade de Ciencias, Asteria M. Luzardo Álvarez.
O acto incluirá as conferencias 'A nova era da astrofísica nuclear', impartida pola profesora Beatriz Fernández Domínguez;, e 'A luz cuántica: do láser á teleportación', a cargo do profesor Jesús Liñares Rivas.
Entrega de premios do certame 'A Ciencia en Imaxe'
Ademais, procederase á entrega dos premios da novena edición do concurso A Ciencia en Imaxe. En 2022 o xurado do certame, distinguiu co primeiro premio da modalidade de fotografía a imaxe titulada 'Unha pinga de Ciencia', da autora M. Pilar Vázquez Tato e outorgou o segundo premio da mesma categoría á fotografía 'A curiosidade matou a mosca', de Enaitz Busto Ziarreta.
Na modalidade de vídeo divulgativo, o xurado premiou en primeiro lugar o vídeo 'Que sería das verbenas sen Bunsen y Kirchhoff?', de Luis Arcelle González e concedeu o segundo galardón a Fernando Barbadillo Jove, Fernando Díaz Gómez e Manuel Losa César, polo vídeo divulgativo 'Cristales de plata'.
Esta é unha convocatoria promovida polas facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas, Química e a Real Academia Galega de Ciencias . O contido das propostas debía estar relacionado coas Ciencias, como por exemplo, os seus conceptos fundamentais, científicos/as, fenomenoloxía, aplicacións tecnolóxicas, ou temas de investigación, entre outros. En fotografía, o primeiro premio ascende a 200 euros, mentres que o segundo é de 100 euros. 250 e 125 euros son, respectivamente, as dotacións do primeiro e segundo premio na modalidade de vídeo
Esta convocatoria estaba aberta á comunidade universitaria da USC así como á dos centros de Ensino Medio de Galicia nos que se impartan ESO e Bacharelato. A autoría das fotografías debía ser individual mentres que a dos vídeos podía ser individual ou grupal, de acordo cos requirimentos que se establecen nas bases.