Organizado polo grupo de investigación VALFINAP, do departamento de Economía Financeira e Contabilidade, en colaboración coa delegación galega do IEAF e co apoio do centro interuniversitario ECOBAS

A crecente conciencia sobre a necesidade de compatibilizar o desenvolvemento económico coa sustentabilidade ambiental é un factor determinante no contexto das finanzas. Neste sentido, investidores, reguladores e a sociedade en xeral demanda transparencia sobre o impacto social e ambiental dos produtos e mercados financeiros, así como un papel activo do sector no cumprimento dos obxectivos de sustentabilidade.
Para dar resposta a esta demanda, a comunidade financeira está a desenvolver novas metodoloxías, instrumentos e normativas cuxo obxectivo último é facilitar a canalización dos recursos financeiros a proxectos cun impacto ambiental positivo. As temáticas relacionadas son amplas e variadas incluíndo aspectos como a valoración do custo da enerxía verde, a certificación do destino e impacto final dos investimentos, a análise de risco de produtos e carteiras ou a creación e comercialización de instrumentos adecuados.
Nese contexto, o obradoiro 'Finanzas sostibles: O impacto da sustentabilidade no ámbito financieiro" ten como obxectivo principal difundir, tanto entre o público especializado como o xeral, os temas e desafíos máis relevantes no ámbito das finanzas medioambientalmente sostibles. Ademais, servirá como punto de encontro entre os distintos grupos de investigación das universidades galegas e outros grupos de interese no ámbito empresarial, social e da administración pública, interesados en como integrar a sustentabilidade no ámbito das finanzas.
Trátase dunha actividade organizada polo grupo de investigación VALFINAP, do departamento de Economía Financeira e Contabilidade, en colaboración coa delegación galega do IEAF e co apoio do centro interuniversitario ECOBAS
Desenvolverase o xoves 6 de outubro de 2022 no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC a partir das 10.00 horas e a entrada é libre previa inscrición.