
A Facultade de Física participa na Semana da Ciencia 2024 con dúas actividades que se desenvolven o luns 11 e o martes 12 de novembro como parte do proxecto de comunicación científica 'Física Cíborg' que mestura física, historia da ciencia e aparellos científicos. A reserva para a realización das dúas iniciativas realizarase mediante un formulario en liña dispoñible na web do proxecto, e haberá dous horarios dispoñibles para cada actividade, un diúrno (10.00h) e outro vespertino (18.00h).
A actividade do luns é unha ruta científica por Santiago de Compostela, cun percorrido que comeza na Praza da Universidade (Mazarelos) e remata na Facultade de Física. Nel, coñeceranse as transformacións da cidade e a súa relación coa ciencia nun percorrido xeográfico (do centro á periferia) e temporal (dende o século XIX ao XXI). Falarase de escenarios científicos (laboratorios, boticas, parques, facultades, observatorios), de prácticas científicas (experimentos, demostracións, coleccionismo, innovacións) e do contexto histórico (política, sociedade, guerras, economía…).
Xa o martes terá lugar un obradoiro no que se reconstruirá o funcionamento de instrumentos históricos con material moderno. En concreto, farase unha réplica do sacarímetro, un aparello de análise do século XIX baseado na polarización, e discutiranse os resultados do experimento dos hemisferios de Magdeburgo. Abordaranse conceptos como: polarización, baleiro, gas, consenso, coñecemento tácito, reprodución ou experimento.
As actividades están dirixidas ao público xeral, aínda que os obradoiros están pensados para estudantes de secundaria en adiante.
