Ir o contido principal

Forinnova lite: proxectos eTwinning, metodoloxías activas, inclusivas e colaborativas

16/10/2023 - 9.15 horas

A Facultade de Formación do Profesorado celebra o luns 16 'Forinnova Lite' unha xornada promovida desde o centro universitario lugués xunto cos grupos de investigación MESTURA e GEFIL da USC, para mellorar e ampliar competencias a través do coñecemento dos proxectos socioeducativos eTwinning baseados en metodoloxías activas, inclusivas e colaborativas

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada

A Facultade de Formación do Profesorado celebra o luns 16, a partir das 9.15 horas, a xornada 'Forinnova Lite', unha iniciativa promovida desde o centro universitario lugués xunto cos grupos de investigación MESTURA e GEFIL da USC, a través da que se procura mellorar e ampliar competencias a través do coñecemento dos proxectos socioeducativos eTwinning baseados en metodoloxías activas, inclusivas e colaborativas.

A xornada, de carácter totalmente gratuíto para os asistentes, está financiada polo Consello Social, dentro das iniciativas que favorecen a colaboración entre a contorna universitaria e a social a través de accións que contribúan á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria e ao desenvolvemento social, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia. Continúan o universo Forinnova que comezou no ano 2022 co I Simposio sobre formación e innovación.

Forinnova lite pretende ter un carácter eminentemente práctico, concíbese como un espazo para a creación de ideas, o establecemento de sinerxias, o intercambio construtivo de opinións e, por suposto, como un foro para adquirir, mellorar e/ou ampliar competencias a través do coñecemento dos proxectos socioeducativos eTwinning baseados en metodoloxías activas, inclusivas e colaborativas. Haberá un panel de expertos e diversas presentacións de boas prácticas docentes con profesorado español e portugués de diferentes niveis educativos, así como un obradoiro para o deseño de proxectos colaborativos internacionais eTwinning.

Na mesa redonda estarán representadas todas as etapas educativas grazas á presenza de dcoentes participantes en Etwinning, plataforma europea de proxectos entre centros escolares e facultades de Educación. Amosarnase proxectos e experiencias prácticas pola mañá e haberá un obradorio práctico pola tarde. Entre os contribuíntes están Carmen María Fernández Rodríguez, embaixador de eTwinning e profesora na EOI de A Coruña; Esther Pérez Fernández, embaixador de eTwinning e profesora de ESO; Marcos Arias Quintela, Profesor de FP; Eva María Fernández Torres, profesora de Primaria que acadou un selo de calidade eTwinning; Mar Ares, profesora e eTwinner con selo nacional de calidade; Mª del Pilar Pérez Álvarez, profesora de Primaria con selo de calidade eTwinning; Ana Puentes Vázquez, Asesora de Innovación Educativa no Servizo de Innovación e Programas Educativos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade; Miguel Cañete Soto do Servizo Nacional de Apoio Etwinning,; Pilar Gerns, profesora e investigadora da Universidade de Navarra; Rosa Maria Vieira de Mendonça Medeiros, premio nacional eTwinning en Azores (Portugal) e Cláudio Fernando Dias Ferreira, catedrático da Universidade dos Açores (Portugal); Susana Vázquez Regueiro, Embaixadora eTwinning e profesora asociada da USC; Yolanda Barallobre Ferreño, Orientadora educativa e Estefanía Piñeiro González, asesora do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Lugo.

A organización deste evento conta co apoio organizativo de diversas institucións colaboradoras nacionais e internacionais: UNA (Universidad Nacional de Costa Rica) e a Escola de Educaçao Superior Paula Frassinetti de Oporto (Portugal). Igualmente, o evento conta con importantes institucións como o Fórum Europeo de Administradores da Educación (FEAE), a Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED-Lugo), Instituto de Ciencias da Educación (ICE), Algar, IES Poeta Díaz Castro, Concello de Lugo e o servizo Nacional de Etwinnig España.

Toda a información do evento, que será retransmitido de xeito telemático a través a través de Teams, pode consultarse en https://forinnova-lite.grupomestura.net/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.10.2023.