Ir o contido principal

Inauguración dos cursos

'Galego sen fronteiras'

03.07.2023 | 12.30h

Santiago de Compostela

A trixésimo terceira edición será inaugurada o luns 3 de xullo a partir das 12.30 horas na Facultade de Filosofía da USC

Cursos de Galego sen Fronteiras
Cursos de Galego sen Fronteiras

USC e Real Academia Galega retoman a celebración dos Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ tras a interrupción desta actividade por mor da pandemia. A que é xa a trixésimo terceira edición será inaugurada o luns 3 de xullo nun acto que se desenvolverá a partir das 12.30 horas na Facultade de Filosofía da USC. Daranlle a benvida ao estudantado procedentes de países de todo o mundo a vicerreitora de Estudantes e Cultura, M.ª del Pilar Murias Fernández; a directora do Instituto da Lingua Galega, Elisa Fernández Rei; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director dos cursos, o académico e catedrático da USC, Henrique Monteagudo; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Os cursos desenvólvense na actualidade co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Dende a súa posta en marcha en 1988, polas súas aulas pasaron preto de 3000 estudantes de múltiples nacionalidades co interese común de coñeceren o idioma e a cultura de noso. Este punto de encontro funcionou dende o principio como un espazo de proxección exterior de Galicia: boa parte das persoas estranxeiras e doutras comunidades autónomas que hoxe se dedican, dende distintos lugares do mundo, a traducir a literatura galega a outras lingua e a ensinaren o galego en universidades europeas, americanas ou asiáticas foron antes alumnas e alumnos deste programa.

O programa, coma en anteriores edicións, permitirá que o alumnado goce dunha experiencia de inmersión lingüística e social en Galicia ao tempo que acode a clases e seminarios organizados por niveis. A oferta complétase con visitas e outras actividades que ofrecen ás persoas asistentes unha aproximación á realidade do país dende distintas perspectivas, dende a literaria, lingüística e musical á artística e paisaxística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2023.