O profesor da área de Sanidade Animal da USC Gonzalo Fernández Rodríguez resultou elixido decano o 30 de outubro á fronte dunha candidatura da que tamén forman parte os profesores Margarita Rico, Maribel Quiroga, Luis Quintela e José María Alonso

O profesor da área de Sanidade Animal da USC Gonzalo Fernández Rodríguez resultou elixido decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo o pasado 30 de outubro, logo dun proceso electoral ao que concurriu como candidato único á fronte dunha candidatura que acadou máis do 90% dos votos emitidos.
O novo equipo decanal da Facultade de Veterinaria de Lugo liderado por Fernández Rodríguez estará integrado na súa maioría por alumnos e titulados/as das dúas primeiras promocións de veterinarios egresados da Facultade de Veterinaria de Lugo e no que Luis Quintela actuará como vicedecano de Organización Docente, Margarita Rico será vicedecana de Calidade, Maribel Quiroga asumirá as funcións de vicedecana de Prácticas e Relacións Institucionais, e José María Alonso actuará como secretario académico. O acto de toma de posesión do novo decano de Veterinaria poderá seguirse de xeito telemático a través da plataforma Microsof Teams.
Licenciado e doutor en Veterinaria pola USC, Gonzalo Fernández Rodríguez é profesor do Departamento de Patoloxía Animal e integrante do grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga), ao que se incorporou logo de desempeñar diversos cargos na Xunta de Galicia.
As súas liñas de investigación estiveron sempre ligadas a cuestión relacionadas coa sanidade animal e especialmente ligada ás especies pecuarias. Na súa xa dilatada traxectoria como docente e investigador, Fernández Rodríguez suma xa preto de 30 artigos e colaboracións en revistas científicas de impacto. Asemade, este docente actou como director dunha decena de teses de doutoramento.