O acto que despide a promoción 2021-2023 do mestrado, contará coa presenza de Álvaro García Ortiz, fiscal xeral do Estado e antigo docente e titor da titulación
A Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela despide o venres 21 de abril a décima promoción (2021/2023) do Mestrado universitario en Avogacía, impartido pola USC a través da EPX en colaboración co Colexio da Avogacía de Santiago.
O acto institucional de graduación, que servirá tamén para recoñecer a colaboración das institucións e profesionais que participan nas actividades formativas da Escola, desenvolverase a partir das 19.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Contará coa presenza do alumnado da Promoción 2021/2023 acompañado dunha representación dos seus familiares; do alumnado da Promoción 2022/2024; dunha representación do corpo docente (profesorado universitario, profesorado externo, titores/as de prácticas externas); da Comisión Académica da titulación, e dunha representación de autoridades académicas, da administración de xustiza e das administracións públicas, entre as que se conta o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, antigo docente e titor da titulación.