Auditorio de Veterinaria
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga, preside este sábado, a partir das 17.00 horas no auditorio de Veterinaria, un acto académico no que se agarda a participación duns 200 novos graduados

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC celebra este sábado, a partir das 17.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria, a cerimonia académica de graduación das promocións 2018-2022 dos títulos de grao en Mestre de Educación Infantil e Mestre de Educación Primaria, así como do dobre grao en Mestre de Educación Infantil e Primaria.
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga, presidirá o acto, no que se agarda a participación duns 200 estudantes universitarios que completaron a súa formación como mestres nos últimos catro anos. A decana da Facultade de Formación do Profesorado da USC, Carmen Sarceda, e os profesores Iván Enríquez e Lidia Platas, en calidade de padriños da promoción de mestres de Infantil, e María Dolores Rodríguez e Rubén Navarro, como padriños da promoción de Primaria, tamén intervirán neste acto de entrega de diplomas e imposición de insignias.
Os estudantes Fátima Fernández, en representación da promoción do grao en Mestre de Educación Infantil; Alejandro Picón, como voceiro da promoción de Primaria; Natalia Rivera, Lara Camiña e Eva Comesaña, en representación do alumnado de dobre grao, completan a quenda de intervencións neste acto académico.