Ir o contido principal

Encontro en liña

O grupo supra autonómico ‘Lúpulos de Calidade’ afonda no manexo sostible deste cultivo

19.08.2020 | 10.00h

En liña

Os membros do grupo operativo ‘Lúpulos de Calidade’, que aglutina a oito equipos de traballo de Galicia, Castela e León e o País Vasco e no que toma parte a USC, presenta o seu proxecto sobre innovacións no cultivo de lúpulo en España para mellorar a sustentabilidade das explotacións agrícolas. O encontro celebrarase en liña este mércores 19 de agosto a partir das 10.00 horas.

Os principais obxectivos do proxecto abarcan o control sostible de pragas e enfermidades
Os principais obxectivos do proxecto abarcan o control sostible de pragas e enfermidades

O obxectivo desta reunión é dar a coñecer os últimos avances deste proxecto financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, destinado a mellorar a competitividade das explotacións españolas de lúpulo a través do manexo sostible do cultivo. Os principais obxectivos do proxecto abarcan o control sostible de pragas e enfermidades, a optimización dos sistemas de rega e fertilización, así como a sustentabilidade ambiental e económica das explotacións. Para participar no evento é necesario inscribirse previamente nesta ligazón.

Innovación e valorización

Investigadores do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo participan neste consorcio creado en 2018 co obxectivo de fomentar as innovacións e a valorización do cultivo de lúpulo partindo das principais zonas cultivadoras na actualidade. Os membros e colaboradores do grupo operativo desenvolven a súa actividade nestas tres comunidades e representan diferentes segmentos da cadea de valor do sector. Así, o grupo está formado por diferentes entidades que representan a cultivadores, produtores e comercializadores, o que garante o intercambio de coñecemento entre agricultores, centros de asesoramento, empresa e investigadores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.08.2020.