Ir o contido principal

Hackathon ETSE

30.10.2025 | 12.00h-20.00h
ETSE. Foto: Santi Alvite
ETSE. Foto: Santi Alvite

O 30 de outubro terá lugar o Hackathon ETSE, a primeira actividade que se desenvolve no Campus de Santiago enmarcada no Programa USC Emprende. O encontro será na Escola Técnica Superior de Enxeñería e está dirixido preferentemente a estudantado de 2º e 3º das titulacións da ETSE e das facultades de Física e de Matemáticas, pero tamén poden participar doutras facultades e escolas da USC.

Nunha xornada intensiva, en horario continuado de 12.00h a 20.00h, as persoas participantes traballarán para definir e prototipar solucións que dean resposta a retos e desafíos relacionados coa sostenibilidade e a innovación, de xeito que se poidan transformar en ideas de negocio viables.

A participación no Hackathon ETSE, que pode facerse en dúas modalidades, Vibe coding (programación con IA) ou Lego Serius Play , é convalidable por un crédito.  A inscrición pode formalizarse ata o 28 de outubro.

O Hackathon ETSE é unha cita creativa que combina aprendizaxe, traballo en equipo e técnicas colaborativas orientadas ao fomento da cultura emprendedora, no marco do Programa USC Emprende, promovido pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, AVTE e financiado pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e polo Concello de Santiago de Compostela.

Programa USC Emprende

O Programa USC Emprende ten como obxectivo que o emprendemento sexa unha actitude vital e optimista, que penetre de xeito transversal no tecido da USC, como motor para a posta en valor de ideas innovadoras e a súa transferencia.

Este curso académico deu comezo cunha fase piloto de lanzamento na que participan a ETSE, Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias da Educación, no Campus de Santiago, e Administración e Dirección de Empresas e a EPSE, no de Lugo. Cada centro participante conta cun Espazo Emprende, deseñados para crear unha contorna amigable e inspiradora que favoreza as sesións de formación, talleres e actividades de prototipado.
 

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2025.