O evento complétase cun concerto do Grupo Vocal EntrElas

O Paraninfo da USC acolle este mércores 29 de novembro a oitava edición das xornadas 'As Mulleres na Música Galega' cunha homenaxe á compositora Margarita Viso Soto que terá lugar a partir das 18.00 horas.
O evento comezará cunha introdución na que falará a propia Margarita Viso Soto, quen estará acompañada polo director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a deputada provincial da Coruña, María Soledad Agra Tuñas, e o presidente da Asociación Cultural Tres por Cuatro, José F. Saavedra López-Sancho.
Na introdución darase a coñecer a biografía e carreira de Margarita Viso Soto e exporase o conxunto de logros derivados da creación da súa editorial VISO, coma a recuperación e investigación da figura de Marcial del
Adalid, compositor que é considerado o pai do xénero da melodía galega.
A continuación haberá un concerto do Grupo Vocal EntrElas no que tomarán parte como solistas Gertraud Brilmayer e Ana Belén Manteiga e como pianista Sara Petrizzo.
A entrada é libre ata completar o aforo.