A Aula Magna da Facultade de Matemáticas acolle un acto institucional para honrar a memoria do profesor e investigador da USC

A Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega de Ciencias promoven unha homenaxe conxunta ao profesor Luís A. Cordero Rego (1946-2022) o mércores 31 de maio na Facultade de Matemáticas. A partir das 12.00 horas a Aula Magna deste centro no que foi docente e investigador acollerá un acto na súa memoria no que participarán representantes da USC e doutras institucións ás que Cordero Rego pertenceu ou coas que colaborou.
O evento contará coa presenza da decana da Facultade de Matemáticas Elena Vázquez Cendón, do presidente da RACG Juan M. Lema, e do director do departamento de Matemáticas Antonio Gómez Tato. Intervirán tamén Juan Nieto Roig, catedrático de Análise Matemática da USC e membro da RAGC; Manuel de León Rodríguez, profesor de investigación no Instituto de Ciencias Matemáticas- CSIC; e Eduardo García Río, catedrático de Xeometría e Topoloxía da USC. Ademais, está previsto que sexa o reitor da USC Antonio López quen clausure o acto ás 13.30 horas.
Luís A. Cordero Rego
Doutor en Ciencias Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela en 1971 baixo a dirección de Enrique Vidal Abascal. Profesor e investigador comprometido coas tres universidades nas que desenvolveu o seu traballo: Valladolid, La Laguna e Santiago de Compostela.
Desempeñou diversos cargos académicos. Foi vicedecano da facultade de Matemáticas da use, director do Departamento de Xeometría e Topoloxía da USC, membro da Comisión Científica Asesora da Xunta de
Galicia ou director do Instituto Universitario de Matemáticas.
Realizou un intenso labor investigador no campo da xeometría diferencial. En 1988 publicou con Kit Dodson e Manuel de León Differential Geometry of Frame Bundles, editado en Holanda. Tamén dedicou a súa atención á xeometría dos espazos fibrados de referencias e á xeometría simpléctica e kahleriana. Atopou exemplos de variedades simplécticas que non admitían estruturas Kalher, xeralizando desta maneira a construción dos medallistas Fields William Thurston e Kunihiko Kodaira.
Probablemente a súa gran paixón fose a Teoría de foliacións, á que fixo importantes contribucións, especialmente durante a súa estadía postdoutoral na Universidade de Harvard. Ademais, era un experto no
procesador de textos matemáticos LaTeX e no programa de cálculo simbólico Mathematica. Froito disto e da simbiose entre a súa docencia e investigación foi o texto que escribiu con Alfred Gray e Marisa Fernández, Geometría diferencial de curvas y superficies con Mathematica.
Obtivo o Premio de Investigación da Deputación de Pontevedra en 1987 e o da Real Academia Canaria de Ciencias en 1993. lngresou como Académico Numerario na Real Academia Galega de Ciencias en 1979 e foi membro correspondente da Real Academia Canaria de Ciencias desde 1995.