Ir o contido principal

Simposio ILG 2021. 50 anos

'Homenaxe a Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González'

18.10.2021 | 17.30h

Evento organizado polo Instituto da Lingua Galega da USC en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia

Cartel do evento
Cartel do evento

O XI Simposio do ILG coincide cronoloxicamente cos 50 anos da súa fundación, en maio de 1971. Por tal motivo e de forma excepcional, como pide a ocasión, ten carácter conmemorativo antes que temático e a el súmase a vontade do ILG de homenaxear nesta ocasión tan especial a tres dos seus investigadores, que comezaron a súa andaina na institución nesa década fundacional e que continúan  plenamente activos na actualidade: Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González.

O criterio dunha liña temática concreta susbtituíuse desta vez polo dunha composición propositada do programa de conferenciantes no que acompañan aos homenaxeados, como núcleo do evento, unha representación dos investigadores novos do ILG, investigadores destacados das tres universidades galegas e investigadores estranxeiros de longa traxectoria de colaboración co Instituto da Lingua Galega.

O evento terá lugar do 18 ao 21 de outubro na Facultade de Filoloxía en horario de tarde, de 17.00 a 20.30 horas. As persoas que desexen asistir poderán formalizar a inscrición cubrindo o formulario que se atopa nesta ligazón. O prazo remata o día 18 de outubro ás 12.00 horas.

Podes consultar o programa completo na web do simposio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2021.