Ir o contido principal

Homenaxe a Xesús Alonso Montero

29.11.2023 | 12.00h-13.30h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

A Facultade de Filoloxía tributa un recoñecemento ao profesor e académico da RAG

O profesor e académico Xesús Alonso Montero. FOTO: Santi Alvite
O profesor e académico Xesús Alonso Montero. FOTO: Santi Alvite

O Salón de Actos da Facultade de Filoloxía compostelá será o escenario este mércores 29 de novembro dunha homenaxe ao catedrático e membro da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, con motivo de celebrarse o seu 95 aniversario este martes 28. O reitor da USC, Antonio López, abrirá a xornada ás 12.00 horas, tras o cal intervirán o decano de Filoloxía, o profesor Elias Feijó, e o director do departamento, o profesor Francisco Cidrás. A seguir fará a laudatio a catedrática Dolores Vilavedra e finalmente Xesús Alonso Montero pronunciará unha lección.

Xesús Alonso Montero foi profesor titular e catedrático de Literatura Galega na Facultade de Filoloxía compostelá e tras a súa xubilación foi nomeado catedrático emérito. Ingresou na Real Academia Galega o 30 de outubro de 1993 a proposta de Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares e Ramón Piñeiro. O seu discurso de ingreso, contestado por Xosé Filgueira Valverde, titulouno 'Manifestos' en verso en favor da poesía civil nos primeiros tempos da Posguerra na Galicia da Terra e na Galicia Emigrante (1939-1962)'. O 20 de abril de 2013 foi elixido presidente da Real Academia Galega, cargo que ocupou ata o 29 de abril de 2017.

A homenaxe da Facultade está organizada polo catedrático Henrique Monteagudo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2023.