O encontro analizará en que medida a IA pode afectar a capacidade do Estado de Dereito de ofrecer respostas eficaces e oportunas aos retos disruptivos e vertixinosos que están a transformar a economía e a sociedade

O II Congreso Latinoamericano de Intelixencia Artificial e Economía Dixital desenvolverase no Salón de Graos da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, os días 18, 19 e 20 de outubro de 2023 e tamén poderá seguirse en liña.
Esta segunda edición do encontro acontece nun momento no que a Intelixencia Artificial (IA) ten alcanzado un grande impacto en todos os ámbitos da sociedade e a economía. A IA é unha ferramenta catalizadora dos diversos procesos e tecnoloxías que configuran unha economía dixital que achegará grandes beficios á humanidade, pero que tamén poderá ocasionar grandes desigualdades entre as persoas e na sociedade. Tras anos traballando nos aspectos xurídicos e económicos da dobre transformación dixital e verde, o equipo organizador do Congreso promove este debate sobre en que medida a IA pode afectar a capacidade do Estado de Dereito de ofrecer respostas eficaces e oportunas aos retos disruptivos e vertixinosos que están a transformar a economía e a sociedade. O programa completo de comunicacións e o formulario de inscrición están dispoñibles na web do evento.
Este congreso, que se realiza no marco do proxecto de investigación 'Retos do Estado de Dereito ante a intelixencia artificial: respostas xurídicas aos desafíos da economía dixital para a súa sustentabilidade e resiliencia' (REDIASR), conta coa coorganización do proxecto' Os remedios restaurativos no dereito da competencia: unha resposta aos retos que expón a economía dixital', financiado pola convocatoria 2020 de «Proxectos de I+D+i» no marco dos programas estatais de 'Xeración de coñecemento e fortalecemento científico e tecnolóxico do sistema de I+D+i' e de 'I+D+i Orientada aos Retos da sociedade'.