A través de mesas redondas e casetas expositivas, a Feira dará a coñecer a traxectoria e os produtos de iniciativas empresarias galegas implicadas nun tecido empresarial e económico responsable

O mércores, día 3 de maio, Lugo acolle a II edición da Feira de Emprendedoras de Lugo, que este ano busca dar visibilidade ás iniciativas emprendedoras que xorden en Galicia con conciencia e preocupación por crear un tecido empresarial e económico responsable e destacar o papel das mulleres emprendedoras que están detrás destas entidades.
A Feira arrancará ás 10. 30 horas na praza Horta do Seminario, con diversas mesas redondas a través das que coñecer a experiencia destas iniciativas empresariais da man das súas protagonistas. Trátase de descubrir en primeira persoa as motivacións que as impulsan cara á creación dun verdadeiro tecido con RSE, que dificultades atopan polo camiño, como salvan estas barreiras e porque é importante seguir impulsando iniciativas de Economía Verde e Circular de cara ao futuro das novas xeracións.
En paralelo, a Feira dará acubillo a numerosas casetas expositivas nas que as emprendedoras porán mostrar os seus produtos nun horario ininterrompido de 10.30 ás 19 horas.
Ás 18.00 horas está prevista unha visita de autoridades á Feira na que participarán a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e de diferentes representantes da corporación municicipal, alén do vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, José Francisco Fraga, e a coordinadora do programa Woman Emprende, Eva López Barrio.
Este evento está organizado entre o Campus Terra da USC e Concello de Lugo no marco do Tour do Talento 2023 e conta coa colaboración do programa Woman Emprende e a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento.