Ir o contido principal

II Olimpíada sobre a Unión Europea

15.03.2024 | 17.00h-19.30h
Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. FOTO: Santi Alvite

A fase galega da II Olimpíada sobre a Unión Europea organizada por Equipo Europa terá lugar este venres, 15 de marzo a partir das 17.00 horas na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. O evento está organizado pola Delegación en Galicia da asociación xuvenil Equipo Europa e conta co apoio da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC e EuropeDirect A Coruña.

A xornada comeza cunha master class sobre 'A Unión Europea en Galicia' impartida por Lucía Castiñeiras, delegada de Formación de Equipo Europa Galicia. A continuación, as 35 persoas participantes, estudantes de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato de sete centros educativos galegos, deberán realizar un ensaio libre no que teñen que responder a pregunta 'Por que é importante participar nas eleccións europeas?'. Asisten á aornada representantes dos centros educativos María Inmaculada Carmelitas Vedruna (Vigo), IES Xesús Taboada Chivite (Ourense), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), IES Monelos (A Coruña), CPR Plurilingue Losada (Vigo), CPR Maristas Cristo Rey (A Coruña) e Colexio Salesianos (Ourense).

Equipo Europa é unha asociación de mozas e mozos europeístas apartidista creada en 2019 por mor da campaña #EstaVezVoto das eleccións ao Parlamento Europeo. Na actualidade, Equipo Europa representa máis de 4.500 mozas e mozos e ten presenza en todas as comunidades autónomas. Desde os seus inicios, traballou para achegar o traballo das institucións europeas á cidadanía española, en especial á mocidade, en estreita colaboración coas oficinas do Parlamento Europeo e a Comisión Europea en España e as principais institucións do país.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2024.